![]()
VILAGARCÍA > Un instituto de Vilagarcía, o Armando Cotarelo Valledor, foi o gañador do concurso autonómico organizado por Política Lingüística para o deseño …
…dos carteis que servirán de exposición do premio da Letras Galegas. A Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, estivo esta mañá no acto no que se presentou o proxecto feito por alumnos e estudantes do centro de ensino.
O instituto Armando Cotarelo Valledor foi o gañador da que é a segunda edición do premio autonómico concedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Un certame creado para elixir a mellor exposición sobre a obra e biografía do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, e que este ano é o escritor e editor vigués, Xosé María Álvarez Blázquez.
O traballo de carácter interdisciplinario levado a cabo por profesores e alumnos do instituto vilagarciá implicou os esforzos de seis departamentos, dirixidos polo equipo de normalización e dinamización lingüística do centro.
Tanto a Secretaria Xeral de Política Lingüística, Mari Sol López, coma a Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón , resaltaron a importancia deste tipo de iniciativas para incentivar a participación de profesorado e alumnado da dinamización da lingua. Isto, nun medio, o do ensino, que queren sexa un dos piares básicos para fortalecer o idioma.
A exposición elaborada no Armando Cotarelo Valledor e titulada a Barbantesca, está composta por 11 carteis ilustrados con motivos e textos que lembran a obra, vida e ideoloxía de Xosé María Blázquez. O traballo chegará a tódolos centros de ensino e concellos galegos, así coma ós centros de estudos galegos do exterior.
Redacción Salnés







