Cruce de acusacións na Comisión de Investigación da Vía do Salnés

    tubosviasalnes100_140607.jpgSALNÉS > A Comisión de Investigación sobre as causas do deterioro da Vía do Salnés reuniuse ó longo desta mañá. O primeiro …

    … en intervir foi o director xeral de Obras Públicas, Manuel Morato, que constatou o deterioro das obras de drenaxe da vía como a causa do afundimento da estrada, tan só 13 anos despois da súa apertura.

    derrubeviasalnes200_140607.jpgDe seguro que lembran estas imaxes. O pasado 20 de outubro abríase unha greta na calzada da Vía do Salnés á altura de Mosteiro, en Meis, provocando o primeiro corte de tráfico. Pero a finais de novembro, a situación agravouse coas intensas chuvias e tras varios derrubes a estrada quedaba cortada na súa totalidade, ata o pasado mes de abril.

    Hoxe reuniuse a Comisión de Investigación sobre as causas do deterioro desta vía e na primeira das comparecencias, o director xeral de Obras Públicas, Manuel Morato, afirmou que esta estrada comezou a caerse a cachos como consecuencia do deterioro das obras de drenaxe da vía. Segundo indicou, os tubos de aceiro galvanizado corrugado que se empregaron non figuraban no proxecto inicial desta obra nin contaban coas medidas de protección necesarias.

    Na análise do expediente, Morato chamou a atención sobre a rapidez da súa tramitación administrativa e da súa construcción (29 meses máis tarde da súa licitación). Tamén resalta carencias do proxecto constructivo como a ausencia dos obrigatorios cálculos hidráulicos das obras de drenaxe, que serían determinantes para precisar a capacidade que deben ter e o tipo de material que se debe empregar. Morato afirmou que se tivesen feito eses cálculos o 95 por cento dos tubos de aceiro non se poderían ter colocado. Indica que non consta tampouco que para substituír as obras de drenaxe previstas no proxecto inicial se fixesen análises da agresividade da auga nin da dotación de zinc dos tubos, que ademais non foron protexidos. Morato concluíu lembrando que para o arranxo das deficiencias houbo que destinar 4,3 millóns de euros.

    Precisamente, para evitar situacións como o afundimento da Vía do Salnés, Política Territorial anunciou hoxe que substituirá os tubos de aceiro que se atopen en mal estado en tódalas estradas autonómicas. Entre os casos de maior risco atópase a vía rápida de Ribadumia a Cambados. En total, a Xunta detectou na rede de estradas de Galicia 22 tubos deteriorados.

    Redacción Salnés