Godos pide o arranxo dunha estrada danada polas obras do AVE

    godos100_070508.jpgCALDAS > Os veciños de Godos reclaman ó Concello que lles asfalte unha estrada danada polas obras do AVE.

    Máis de medio centenar de veciños de Godos, en Caldas, manifestáronse onte baixo a ponte do tren de alta velocidade. Considéranse en situación de desamparo polo mal estado dunha vía empregada polos camións das obras do AVE. Os afectados indican que a estrada se atopa en pésimas condicións desde setembro do ano pasado, e lembran que sirve para comunicar a zona co resto do concello. Explican que o deterioro da vía se iniciou coas obras do tren de alta velocidade, co paso de vehículos pesados que danaron o firme.

    Pero as críticas diríxenas agora tamén ó Concello. Segundo indican, cando a adxudicataria ía reparar a obra, desde o Goberno Local se lles pediu que esperasen a que o Concello colocase os sumidoiros. Pero feita a obra de saneamento aínda non se asfaltou a estrada. Os afectados dixeron que hai tempo se botou pedras e terra nos baches pero que as choivas volveron a destapalos. Por iso, reclaman un compromiso en firme da administración local para que se asfalte.

    O alcalde, pola súa banda, asegura que estas obras son competencia da empresa do AVE, non do Concello. Indicou que ten solicitada unha reunión co xerente do ADIF para pedirlle, entre outras cousas, o acondicionamento desta estrada.

    Redacción Salnés