CAMBADOS> 60 vides de albariño cortadas polo pé. Así atopou unha familia de Cambados unha das súas parcelas. Non se explican quen puido facer algo así nin por que. Falan dun grave dano económico pero tamén sentimental, por se-las vides máis antigas que tiña a familia, duns 70 anos. A Garda Civil xa anda tralo autor deste ataque.
As imaxes falan por si soas: 60 cepas de albariño cortadas polo pé. Os donos do viñedo, situado en Castrelo, no Concello de Cambados, aínda non cren que estean a vivir semellante desastre.
Un golpe sentimental porque estas vides eran as máis antigas que tiñan na familia: foran plantadas polo avó de Caterina hai 70 anos.
Coa parcela completamente destrozada, esta familia xa foi á Garda Civil denuncia-los feitos. Piden colaboración veciñal para dar co autor.
Dase a circunstancia de que este non é o primeiro ataque a este viñedo: hai un ano xa sufrira outro acto vandálico.
Así que, di Caterina, se alguén ten un problema coa a súa familia, mellor resolvelo doutro xeito.
Porque agora teñen medo de que o seu particular inimigo actúe sobre outros dos viñedos que esta familia ten en propiedade. Mesmo están pensando en instalar cámaras de videovixilancia para que un desastre como este non se volva repetir.