Presentada a II Copa do Futuro no estadio de Pasarón

copadofuturo250_130508.jpgPONTEVEDRA > O Estadio de Pasarón acolleu a presentación da II Copa do Futuro de fútbol 7, para categoría prebenxamín. O torneo, promovido pola Deputación Provincial e por Caixanova, comezará este sábado e concluirá o vindeiro 29 de xuño.

Este sábado porase en marcha a Copa do Futuro de Fútbol 7, competición para os máis pequenos que se desenvolverá durante o vindeiro mes e medio pasando por sete sedes distribuídas por toda a provincia.

Comezará esta fin de semana en Ponteareas, pasará por Soutomaior, Tui, Lalín, Cangas e Ribadumia,  e rematará en Vigo o 27 de xuño.

Para un evento deste calibre quíxose facer unha presentación por todo o alto. Xunto á Caixanova e Deputación de Pontevedra, representadas hoxe polo Director de Publicidade Jorge Santos e polo Deputado de Deportes José Enrique Sotelo, respectivamente, quixeron estar dous dos estandartes dos principais equipos da provincia, padriños de luxo para esta segunda edición do Campionato, Alejandro Vázquez, capitán do Pontevedra, e Borja Oubiña, xogador do Celta de Vigo. 

Un total de 2000 rapaces de colexios e clubes de toda a provincia tomarán parte na competición. De cada sede sairán dous ou tres clubes, dependendo do número de participantes, que se clasificarán para a fase final que tamén terá lugar en Vigo os días 28 e 29 de xuño.

Aínda que por riba da competición, o que se pretende con esta Copa é inculcar ós rapaces os valores positivos que ten o deporte e sobre todo o fútbol como deporte colectivo que é.

Redacción Salnés