O BNG da Barbanza insta á Xunta a acometer melloras na AC-305

BARBANZA> A través dunha iniciativa que defenderá a deputada, Rosana Pérez, o BNG reclamará no Parlamento a limpeza, mantemento, reparación e mellora da seguridade vial na AC-305 ó seu paso polos concellos do Barbanza.

Segundo a nacionalista trátase da principal vía de comunicación que percorre a comarca, que cruza os núcleos de poboación máis importantes e que conecta os cascos urbanos dos catro concellos.

A pesar diso, segundo ela, segue a non formar parte das prioridades da Xunta, e a  última actuación de certo calado que se levou a cabo nela remóntase xa ó ano 2016.

A nacionalista reclama a mellora da seguridade en travesías como a de Campo de Pazos, en Taragoña, Escarabote, en Boiro, Palmeira, en Ribeira, ou zonas como a da Ribeiriña, San Lázaro ou o propio casco urbano da Pobra do Caramiñal.

Ademais pide a priorización, de cara xa a 2025, das partidas orzamentarias necesarias para poder desenvolver nela unha actuación importante.