EU rexeita a proposta da Autoridade Portuaria sobre a chegada do tren á rada

    eu_porto_100.jpgVILAGARCÍA > Esquerda Unida xa adiantou que o seu voto no consello de administración do porto vilagarciá sobre a chegada do tren ata o peirao, vai ser en contra …

    … da opción que defende o Presidente da Autoridade Portuaria. Se Javier Gago expoñía que a alternativa de trasladar o ferrocarril ata a rada polo vial interior do porto, dende o lugar do Ramal e atravesando a zona lúdica do TIR, era a fórmula máis viable, técnica e economicamente, hoxe Esquerda Unida asegurou que esta proposta é a menos favorable para o concello. Din que o paso da liña ferra polo medio dunha zona lúdica é inviable socialmente, ademais de estragar a fachada marítima da vila, e taponar aínda máis a desembocadura do río Con, ó construír sobre el unha infraestrutura de tal envergadura.

    Esquerda Unida tamén subliñou que a construción dunha infraestrutura que lle afectará a vida da localidade, e suporá medidas coma a reordenación do tráfico na zona da Marina, debe ser consensuada con máis tempo e co concello, polo que lle pediu ó Goberno local que actúe fronte as medidas que poida adoptar a Autoridade Portuaria.

    A outra alternativa con máis viabilidade para a conexión entre porto e tren, é o do trazado que discorre paralelo a estrada que unirá a zona portuaria coa autopista. Unha opción que os técnicos valoran que podería ascender ata os 140 millóns de euros, fronte os 8 que necesitaría o trazado interior.

    Pero ademais da elección do percorrido que se seguirá para a construción do vial, Esquerda Unida tamén lembrou que o debate no porto aínda segue sendo o da necesidade dunha infraestrutura deste tipo para unha rada que este ano diminuíu o seu tráfico de mercadorías.

    Redacción Salnés