Os afectados pola PO-531 piden alternativas para o nó de enlace

    531100_210508.jpgBARRO > O veciños comprenden a necesidade da glorieta pero solicitan que se atopen outras alternativas como a de soterrar parte do tráfico rodado

    …Os veciños que compoñen a plataforma de afectados da PO-531 Pontevedra- Curro reuníronse onte co gallo da proposta por parte de Política Territorial de facer un nó de enlace por medio dunha glorieta na estrada Pontevedra- Vilagarcía que uniría Curro co proxecto inicial da 531 O obxectivo é regula-lo tráfico derivado da construción de polígonos industriais na zona.

    Unha nova asemblea volvía a reunir onte na casa de cultura de Barro a varios veciños e representantes da plataforma de afectados da PO-531. Tamén o alcalde, Jose Antonio Landín, e varios voceiros da oposición acudiron á xuntanza que tiña como obxectivo informar ós veciños da nova proposta da Consellaría de Política Territorial de executar un nó de enlace a través dunha rotonda que segundo a delegada provincial, Isabel Domínguez, axudaría a regula-lo tráfico rodado que se desprende da construcións dos distintos polígonos na zona.

     Nun principio a futura glorieta presentouse a dous niveis, unha proposta rexeitada polos veciños, ó entender que dese xeito dividiríanse as parroquias coa imposibilidade de accesos á igrexa e as fincas dos veciños. Na visita que a delegada Isabel Domínguez fixo a Curro a semana pasada determinou que a rotonda fóra a ras da superficie e barallou a posibilidade xunto cos técnicos de soterrar o tráfico que ven de Pontevedra, como solución alternativa .

    Unha iniciativa que está aínda sen confirmar, pero segundo nos confesou o coordinador da plataforma da Po 531, Miguel Maquieira, sería unha posibilidade aceptable.

    O venres será o día que coñeceremos o proxecto definitivo na reunión que a plataforma terá con política territorial en Pontevedra.

    Redacción Salnés