O primeiro parque acuático do Salnés estará no Concello de Meis

MEIS> O primeiro parque acuático do Salnés estará no Concello de Meis. A comunidade de montes de San Vicente de Nogueira vai alugar unha extensión de 70.000 metros cadrados a unha empresa no lugar de Penente. Os comuneiros déronlle o visto bo ó proxecto nunha asemblea na que un grupo de veciños amosou as súas dúbidas: temen que a construción do complexo acabe prexudicando as súas casas.

Hai polo menos dez anos que en Meis xa se fala da construción dun parque acuático. Co paso do tempo e despois dunha ubicación fallida, o proxecto semella que agora vai camiño de materializarse. Os comuneiros de San Vicente de Nogueira déronlle esta fin de semana luz verde o alugueiro duns terreos para a construción do que será o primeiro parque acuático do Salnés. Agora, a cesión do espazo á empresa que se encargará de construí-lo complexo queda a expensas dunha nova negociación, despois de que os comuneiros esixisen melloras sobre a oferta presentada.

O alcalde meisino felicita ós comuneiros polo proxecto e amosa todo o seu respaldo. O rexedor cre que o parque traerá á localidade unha dinámica actividade, non só nos meses de calor, senón que durante todo o ano.

O parque acuático situarase no espazo que antigamente ocupaban as canteiras de Penente. Algúns dos veciños da zona amosaron o sábado á noite na asemblea dos comuneiros as súas dúbidas. Cren que a que a construción do complexo podería afectar ós seus mananciais ou que os movementos de terras acaben provocando fendas nas súas casas.

O acordo para a cesión dos terreos saíu adiante por unha ampla maioría dos comuneiros: noventa persoas votaron a favor, 6 en contra e unha abstívose. O parque acuático vai ocupar uns 70.000 metros cadrados de terreo forestal a cambio de 20.000 euros ó ano. A cesión sería por 30 anos –o máximo permitido pola lei- aínda que podería prorrogarse por outros 5. Se todo vai segundo o previsto, o parque podería estar rematado en setembro do 2019.