O GROVE> Atunlo despedirá da súa planta do Grove 136 persoas. Do actual cadro de persoal só quedarán 13 traballadores. Este expediente de regulación de emprego suporá o peche da planta de produción, unha decisión que a dirección xustifica en razóns ‘de natureza económica e produtiva’. A noticia sentou como un duro golpe aos empregados, máis aínda coñecendo o seu despedimento ás portas do Nadal.
A peor das noticias chegou ás portas do Nadal. Atunlo prevé despedir da súa planta do Grove a 136 traballadores. É dicir, practicamente todo o seu cadro de persoal, agás 13 persoas que si manterán o seu posto. A decisión comunicáronlla onte nunha reunión.
Os traballadores levaban días preocupados polo futuro da planta, logo de que a pasada semana a empresa anunciara que ía haber despidos. Din que non agardaban que fose un golpe tan forte.
A empresa xustifica este expediente de regulación de emprego en causas obxectivas de natureza económica e produtiva.
E non é sostible, segundo a dirección polo problema da importanción sen aranceis de lombos de atún procedentes de Asia, cun prezo menor. De feito, o ERE suporá o peche da planta de produción. O que non entenden os traballadores son estes despedimentos cando a empresa hai tan só un mes que entrara en preconcurso voluntario.
Ata o 3 de xaneiro seguirá a incertidume. Será daquela cando se produza a seguinte reunión. A CIG quere que, ante todo, se garantan as indemnizacións.
TT
Así que este será sen dúbida un Nadal de incertidume para moitas familias. Hai casos especialmente duros, como parellas que traballan aquí ou mulleres maiores de 55 anos, que se enfrontan agora a unha situación laboral moi complicada.











