CAMBADOS> O que tampouco falta no entroido é a gastronomía. Esta mañá en Cambados celebrouse un showcooking no que o alumnado do Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade reiventou algún dos pratos típicos destas datas. Trátase da primeira actividade que acolle o Salón Peña despois de meses pechados polos problemas administrativos. Ao evento puido acudir público que degustou in situ os pratos que prepararon.
O Entroido é tempo de disfraces e comparsas e, como non, tamén de gastronomía. O alumnado do Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés fixo hoxe as maletas, trasladando a súa actividade, por un día, ao Salón Peña de Cambados. Alí, organizaron un showcooking no que reiventaron algúns dos pratos típicos destas datas. Este é un exemplo.
A actividade estaba aberta a público en xeral, pequenos e maiores, que tiveron a oportunidade de degustar in situ as propostas gastronómicas que se elaboraron. Para o alumnado, contar con público observando o seu traballo, un novo reto superado. A actividade supón para o alumnado unha experiencia adicional na súa formación.
O showcooking implicou tamén o regreso das actividades ao Salón Peña, despois de meses coas portas pechadas pola maraña administrativa con Portos de Galicia, agora resolta.
Este mesmo espazo acolleu, xa pola tarde, os bailes de disfraces e a comparsa. Unha opción que contemplaba xa o concello ante as malas previsións meteorolóxicas que se agardaban para este martes de Entroido.