Veciños de Vilanova denuncian a contaminación do río Currás

    rio_curras_100.jpgVILANOVA > Veciños da parroquia vilanovesa de Caleiro denuncian o mal funcionamento dun colector de augas residuais situado na beira do Río Currás.

    Tal e como aseguran este colector verte residuos constante e directamente ó río e ó mar durante todo o ano. Esta situación ocasiona constantes cheiros para os veciños, principalmente en tempo de calor, e un aspecto insalubre do río, no que xa non queda pesca nin vida animal algunha.

     Este problema ven sendo sinalado frecuentemente entre os veciños desde a creación do colector aló polo ano 2000; pero nunca con contundencia por non haber ningunha asociación veciñal ou de afectados que o denunciase. Agora estes vilanoveses veñen de reunirse co goberno local, quen lles proporcionou unha próxima reunión con Augas de Galicia para demandar unha solución a este problema medioambiental; ou ben que se retire ou que se arranxe dunha vez por todas.

    Ademais, os veciños de Currás aseguran que esta situación non é a única que se dá neste Concello con este tipo de instalacións.

    Redacción Salnés