Panos Brancos cambia Vilagarcía por Santiago

    panosbrancos_100.jpgVILAGARCÍA > A campaña de sensibilización social contra as drogas, Panos Brancos, volve este ano cunha edición na que se introducen dúas novidades importantes.

    Por un lado o acto central das actividades deixarase de celebrar en Vilagarcía, logo da decisión da Fundación Galega Contra o Narcotráfico de alternar o escenario da cita entre as principais vilas galegas.

    Este ano será a quenda de Santiago de Compostela, e por outra banda, o acto central desenvolverase o 26 de xuño, no Día Internacional da Loita Contra o Consumo e o Tráfico de Drogas. Unha coincidencia que chega logo de que non cuaxase na Xunta o propósito da Fundación de institucionalizar o día dedicado á campaña de sensibilización en Galicia. Unha comunidade que xunto con Portugal e África, segue a ser a principal entrada da droga para Europa, e na que malia cambiar os axentes e a tipoloxía dos narcotraficantes, segue moi latente o problema.

    O Panos Brancos 2008 xa comezou a semana pasada nos centros educativos do Salnés, onde os alumnos están a redactar un manifesto contra a droga, van asinar as bandeiras brancas que expoñerán os seus colexios e poderán divulgar a mensaxe vía email ou mensaxe de móbil.

    Os actos centrais da campaña serán o día 26 de xuño, coa exposición das bandeiras brancas nos concellos colaboradores coa iniciativa, e en Santiago de Compostela. Aquí procederase á lectura de dous manifestos, o xuvenil e o da Fundación, á celebración do Torneo de Baloncesto solidario, Badaladas contra a Droga, e ó desfile dos abandeirados, os xogadores participantes no certame que percorrerán cos seus panos brancos a praza do Obradoiro e da Quintana. Pecharase o día coa entrega dos trofeos e a tradicional solta de globos brancos contra a Droga.

    Redacción Salnés