RIBADUMIA > A Sala de Xuntas do Concello de Ribadumia acolleu esta mañá a presentación do III Torneo de Xadrez Concello de Ribadumia e Comarca do Salnés. A competición celebrarase o vindeiro día 14 de xuño e será a cuarta proba puntuable para o Circuito Galego Escolar.
Despois de dúas probas en Ourense e o Torneo de Santa Rita de Vilagarcía, o Circuito Galego Escolar fai a súa cuarta parada en Ribadumia. Será o vindeiro sábado 14 de xuño cando máis dun centenar de rapaces compitan e convivan no Centro Social San Andrés de Barrantes, lugar onde se celebrará o aberto.
Está destinado para categorías benxamín, alevín, infantil e cadete e o que se pretende é buscar o compañeirismo e a deportividade ó redor do xadrez. Por iso, máis aló de estrictamente deportivo, farase unha especie de día de convivencia, no que os rapaces xantarán xuntos e desfrutarán dos obsequios e agasallos repartidos pola organización.
Para fomenta-la participación dos rapaces do propio concello, distinguiranse ós xogadores en dúas categorías. Levarán trofeos os cinco primeiros do Circuito Escolar, e os tres primeiros axedrecistas locais.
A competición desenvolverase, como soe ser habitual, a seis rondas polo sistema suizo. O prazo de inscripción estará aberto ata o vindeiro día 11 e todos os que queiran poderanse anotar chamando á Oficina de Información Xuvenil, á do Club Xadrez Fontecarmoa ou ben acudindo á propia Casa de Cultura de Ribadumia.
Redacción Salnés