PORTO DO SON> Carlos Lorenzo, en homes, e Vanesa Maneiro, en mulleres, foron os gañadores absolutos do Xtosín Trail celebrada onte domingo. A proba, organizada por Arousa NeO e o concello de Porto do Son, contou cunha participación máis que destacada, para esta era covid, uns 131 corredores.
Cumpríronse os pronósticos, e Carlos Lorenzo, que viña de facer a fin de semana anterior no Campionato de España de Ultratrail un terceiro posto na súa categoría, levouse a vitoria final na categoría masculina. A máis de seis minutos del, entrou en segunda posición Rubén Caamaño, completando o podio Óscar Guerra.
En categoría feminina a carreira estivo tamén dominada por Vanesa Maneiro. En segundo lugar na liña de meta entrou Mary Pombo e en terceira posición Carmen Otero.
A organización destacou o bo desenvolvemento da proba. A pesar da calor existente, dos 131 corredores que tomaron a saída chegaron a liña de meta 130.
Houbo varios participantes que precisaron de asistencia ó chegar por motivos de deshidratación e afogos de calor ó sobreesforzo, pero nuns minutos estaban recuperados, aínda que un precisou ser trasladado ó hospital, e tardou unhas horas en recuperarse.
A maioría dos participantes destacaron a beleza do entorno polo que discorreu a proba, duns catorce quilómetros de percorrido, pasando por zonas como a praia de Coira ou o Alto da Figueira Longa, pero tamén a súa dureza…
Ó inicio da carreira, e antes de darse a saída, gardouse tamén un minuto de silencio polas últimas vítimas da violencia doméstica.