O Arosa acude máis necesitado ó derbi que o Céltiga

SALNÉS> Un dos focos de atención estará posto na Preferente e no duelo que disputarán na Lomba Arosa e Céltiga. Pode ser a última oportunidade para os vilagarciáns para engancharse á loita polo ascenso. Os da Illa sen embargo, non queren perder o forte ritmo marcado por Barbadás e Choco.

Un dos partidos máis agardados do ano e probablemente dos que máis expectación xeran na categoría. Arosa e Céltiga mídense este domingo na Lomba con algo máis que tres puntos en xogo. Os vilagarciáns saben que o derradeiro tren do ascenso pasa por este partido. Os da Illa, non queren perder o ritmo do dúo de cabeza e saben que deixarían practicamente eliminado a un rival pola segunda praza.

Aínda que se prevé chuvia e vento, A Lomba presentará sen dúbida un aspecto moito mellor que o do Salvador Otero na primeira volta. Naquel partido, que rematou con victoria local por 1-0, ambos conxuntos abogaban pola suspensión do choque a causa dun forte temporal de vento. O colexiado foi o único que quixo xogar e o afeccionado e o club local, os prexudicados.

Polo escenario, polo avanzada que se presenta a competición e pola situación de ambos na xeral, este choque preséntase moito máis decisivo. Ademais, os dous equipos preséntase con case todo o seu arsenal. No Arosa está recuperado Adrián López. Ríos, Santi e Josiño, tamén poderían entrar na convocatoria, mentres que sí serán baixa Oliveira, Liños e Eloy, que viaxa coa selecciión galega sub-18. No Céltiga non estará por sanción Óscar García, mentres que Manolo Núñez confía en recuperar para o encontro a Óscar Río, Said e César.

Ademais do choque da Lomba, esta xornada tamén é importante para o Ribadumia que quere seguir estando na cabeza. Os de Pablo Vázquez visitan a un Atios que chega en boa xeira de resultados, con catro triunfos nos últimos cinco partido e que pasa por ser un dos mellores conxuntos cando actúa como local. O Portonovo pola súa parte, recibirá ó Gran Peña coa intención de sumar tres novos puntos que lle acheguen á salvación.

Redacción Salnés