Touriño preside a celebración do 50 aniversario de Jealsa-Rianxeira

    tourinojealsa__100__060608.jpgBOIRO > O presidente da Xunta de Galicia presidiu os actos de celebración do cincuenta aniversario do grupo Jealsa Rianxeira.

    {flowplayer}barbanza/tourinojealsa.flv{/flowplayer}

    Emilio Pérez Touriño desprazouse ata as instalacións da planta conserveira de Jealsa no Bodión onde foi recibido polo presidente do grupo empresarial, Jesús Alonso. Alí, na compaña da Conselleira de Pesca, Carmen Gallego, o delegado do goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, e o alcalde de Boiro, Xosé Deira, o presidente da Xunta tivo ocasión de visitar as instalacións da planta e coñecer máis polo miudo o proceso de producción das súas conservas.

    Compromiso con Galicia

    No acto de celebración do cincuenta aniversario deste grupo empresarial, Pérez Touriño destacou o afán emprendedor do seu presidente así como o compromiso coa innovación, a creación de emprego e con Galicia.

    Empresa líder

    E é que nestes cincuenta anos transcorridos dende a súa fundación, Jealsa converteuse nunha das empresas galegas con maior presenza a nivel mundial, contribuíndo a sitúar a Galicia á cabeza da producción conserveira, sector que representa o 2’8 por cento do produto interior bruto e o cinco por cento do emprego na comunidade galega.

    No transcurso do acto celebrado este venres, cargado de emotividade, o presidente e fundador do grupo, Jesús Alonso, lembrou os inicios deste proxecto aló polo outubro de 1958 cando se abriu a primeira fábrica en Vilaxoán. Posteriormente, no 65 viría a planta do Bodión, xerme da gran industria posterior xerada ó seu arredor. Na actualidade, Jealsa está presente en numerosos países de Europa, América Latina e África e traballa na expansión cara novos mercados.

    Segundo o seu presidente, a clave do éxito reside na capacidade de traballo, sacrificio e amor á empresa que teñen amosado os seus traballadores ó longo destes anos. Foron eles, os propios integrantes do cadro de persoal, os que premiaron a Jesús Alonso coa mellor felicitación por este aniversario, brindándolle un sentido aplauso.

    Redacción Barbanza