Os transportistas súmanse ás protestas pola suba do combustible

    folga_transporte100_090608.jpgSALNÉS > A paro indefinido dos transportistas non deixou incidentes de importancia en Pontevedra. Os transportistas piden con esta medida axudas …

    … para paliar as continuas subas dos combustibles. Mentres, a alarma social ante un posible desabastecemento das gasolineiras, chegou a esgotar as reservas dalgúns puntos de venta en Pontevedra.

    A folga de transportes iniciada esta medianoite en toda España non deixou incidentes de importancia en Pontevedra. O paro indefinido polas subas continuas do gasóleo, dun 20,1 por cento no que levamos de ano, foi iniciado pola Federación Nacional de Asociacións de Transportes de España, integrada fundamentalmente por autónomos. A el sumáronse en Galicia colectivos coma a Fetram e a Asociación Galega de Transportistas de Obras. Outras asociacións coma Fegatramer, non seguen a folga, aínda que moitos dos seus afiliados non saíron a traballar polo medo ás posibles represalias dos piquetes.

    Como consecuencia moi poucos camións circularon hoxe polas estradas pontevedresas, mentres se repetía a paisaxe de vehículos parados nas empresas e tamén nas beiravías da rede viaria. Mentres, nas gasolineiras o medo ó desabastecemento polo paro no transporte chegou a baleirar moitas gasolineiras de Galicia. Moitos condutores optaron hoxe por encher os depósitos dos seus coches. A consecuencia, que moitas gasolineiras quedaron hoxe sen combustible, segundo afirmaron dende a Asociación Provincial de Estacións de Servizo de Pontevedra, que tamén prevé que a situación se normalice durante a semana, xa que o forte apuntan foi hoxe. A situación foi porén de normalidade nas grandes superficies.

    Mentres continúa o paro, o Goberno lembrou que vai garantir o dereito á libre circulación, así como o mantemento da orde pública e do abastecemento de produtos esenciais.

    Redacción Salnés