VILAGARCÍA> A Deputación de Pontevedra financiará integramente a renovación da rúa Bouza de Abaixo, en Vilaxoán. A actuación suporá un investimento de máis de 770.00 euros. A intención do concello é sacala a licitación en agosto. A obra, moi demandada pola veciñanza da zona, suporá a transformación total do vial, coa creación dunha plataforma única. Tamén se aproveitará para renovar as acometetidas do saneamento.
Este é o lamentable estado no que se atopa a rúa Bouza de Abaixo, en Vilaxoán. A veciñanza da zona clama dende hai tempo por un arranxo que non dá chegado e que mesmo xa provocou algún susto a algún peón que non deu esquivado as fochancas.
Na zona levan tempo reclamando unhas melloras que agora semellan un pouco máis preto. Este venres aprobarase na Xunta de Goberno Provincial a partida que a Deputación de Pontevedra vai destinar a este proxecto que suporá a transformación total do espazo.
Os fondos proveñen do Plan +Provincia. Unha vez superado ese trámite, o concello abrirá o proceso de licitación para adxudicar os traballos. Polo de agora non poden concretar cando arrancarán os traballos.
O concello recoñece que se trata dunha obra moi demandada. Aseguran dende o goberno local que a espera ha merecer a pena, tendo en conta o proxecto que teñen para aquí. A imaxe da vía vai mudar por completo, coa creación dunha plataforma única na que os treitos máis monumentais remataranse en pedra.
Coa reforma daráselle prioridade aos peóns, limitando o acceso a vehículos autorizados e establecendo unha velocidade máxima de 10 km/h.Desta maneira, o espazo peonil pasará de 900 a 2.000 m².











