O GROVE> Como lles diciamos, trala súa última reunión o comité clínico decidiu deixar ao Grove como o único concello de Galicia no nivel máximo de restricións. Unha medida que non gustou ao alcalde da vila. José Antonio Cacabelos critica que Sanidade si baixara ao nivel alto a outros municipios que se atopan nunha situación semellante á da súa localidade, como Sanxenxo e Viveiro. Denuncia o impacto negativo que esta decisión ten na imaxe turística do Grove.
Monumental enfado do alcalde do Grove tras coñecer a decisión do comité clínico de deixar o seu municipio como o único de toda Galicia no nivel máximo de restricións.
Cacabelos denuncia un agravio comparativo na decisión do comité. Asegura que nunha conversación telefónica o propio conselleiro de Sanidade lle transmitiu que tiveron dúbidas con outros municipios como Sanxenxo e Viveiro, xa que tamén superan os datos obxectivos de incidencia acumulada para estar no nivel alto.
Segundo o rexedor, a incidencia acumulada a 7 e a 14 días do Grove é de 178 e 572 casos por cada 100.000 habitantes, respectivamente. En Sanxenxo, estes datos sitúanse nos 136 e 539 casos. Polo tanto, ambos municipios superan os limiares marcados polo comité clínico para o cambio de nivel, que fixaba o paso ao máximo ao superar os 125 casos por cada 100.000 habitantes a 7 días e os 500 se falamos de 14 días.
José Antonio Cacabelos insistiu en que non aceptan esta decisión de Sanidade, e agarda que a consellería reflexione sobre a determinación de manter ao Grove como único concello no nivel de máxima alerta.