A Comisión de Contas aprobará o luns o acordo do enlace coa autovía

    poligono_nantes_100.jpgSANXENXO > A Comisión Especial de Contas e Asuntos Económicos da Xunta, vai aprobar na sesión deste luns o convenio acadado entre o concello de Sanxenxo, …

    … a Consellería de Política Territorial e a Xunta de Compensación do parque empresarial de Nantes, para a construción do enlace que comunicará a autovía do Salnés co polígono.

    O acordo para a construción do enlace entre o polígono e a autovía do Salnés chega por fin ó seu punto final nun proceso que tivera enfrontado durante meses ó executivo local desta localidade co Goberno Autonómico. Agora, e segundo establece o texto que será aprobado en Santiago, cada unha das tres partes terá que aportar unha determinada cantidade para o construción do enlace, que custará 3,5 millóns de euros.

    Política Territorial e Concello, porán cada unha un millón e medio de euros, e a Xunta de Compensación medio millón. Ademais, a Consellería que dirixe María Xosé Caride tamén terá que redactar, supervisar e aprobar o proxecto técnico da infraestrutura, así coma contratar as obras. Pola súa banda, o concello cede os case 20.000 cadrados metros de titularidade municipal que serán necesarios para o enlace. Un vial que non só vai permitir conectar a vía de alta capacidade co polígono, senón que tamén unirá máis adiante a autovía coa parroquia de Vilalonga cunha estrada que o concello ten contemplada no seu PXOM, aínda pendente de realizarse.

    Redacción Salnés