Morre afogado no Grove un sexasenario

    foto_afogado_100.jpgO GROVE > Un cidadán francés de 68 anos morreu onte pola tarde afogado no Grove cando fondeaba a súa lancha. Ó parecer o cabo enleóuselle nun nocello …

     

    foto_afogado300.jpgO GROVE > Un cidadán francés de 68 anos morreu onte pola tarde afogado no Grove cando fondeaba a súa lancha. Ó parecer o cabo enleóuselle nun nocello no momento de tiralo á auga e levouno ó fondo. O falecido é Etienne Noel Viard, coñecido como ‘Esteban o francés’.

    Os feitos ocorreron sobre as cinco da tarde na praia dos franceses, como se denomina á zona da Barcela e do Barreiriño, por ser o lugar onde veranean e teñen os seus domicilios moitos cidadáns do país veciño. Aquí chegara Esteban hai a penas 20 días para gozar das vacacións de verán, que onte se viron truncadas polo fatal accidente. Onte pola tarde, Etienne Noel Viard subiu á súa lancha de recreo vestido con traxe de neopreno para desplazarse uns douscentos metros e intentar fondeala. Alí tirou ó mar o peso de formigón para suxeitar a embarcación ó fondo, pero ó facelo unha aleta do traxe de buceo enganchóuselle no cabo e foise con el á auga. O cabo quedoulle enleado nun nocello e Etienne non foi capaz de saír á superficie, e iso que a zona do suceso tiña a penas tres metros de profundidade.

    Foi a súa propia muller quen se percatou de que tardaba moito e foi ata a praia a buscalo. Ó parecer algúns bañistas intentaron socorrelo pero sen éxito, mentres outros alertaron a Protección Civil. Isto foi sobre as sete menos cuarto. O dispositivo de emerxencias 112 púxose en marcha de inmediato pero xa non puido facer nada. Ata a zona achegáronse tamén embarcacións de salvamento que desde a superficie puideron ver que estaba enleado nunha maraña de cordas. Os buzos sacaron o corpo e cando o trouxeron para a praia xa eran as oito da tarde. Os efectivos do 061 só puideron constatar que o home estaba morto. 

    Redacción Salnés