![]()
VILAGARCÍA > Varios xogadores e adestradores da División de Honra do fútbol sala estarán a vindeira semana en Vilagarcía. Adri, Toni, Marcelo, Miguel Rodrigo e Bruno García compartirán as súas experiencias cos nenos que participen no campus de verán que organiza a Fundación Ázkar, de Lugo.
Fontecarmoa acolle a a vindeira semana a terceira edición do campus de verán de fútbol sala, organizado pola Fundación Ázkar, vencellada ó club lugués de División de Honra. O campus, destinado a nenos nados entre 1994 e 1997, desenvolverase do luns ó venres, con oito monitores, varios preparadores físicos e un fisioterapeuta.
Os rapaces que asistan ó campus do Ázkar recibirán ensinanzas de varias das estrelas do equipo lugués, como Adri, campión europeo sub 21, Toni, elixido mellor xogador galego da tempada, ou Marcelo, que disputará o vindeiro Mundial. Tamén estarán os adestradores Miguel Rodrigo, do Caja Segovia, e Bruno García, do Ázkar, elixidos mellores técnicos da División de Honra nas dúas últimas tempadas.
A organización indica que inda quedan dez prazas libres das 40 ofertadas e lembra que a matrícula custa 50 euros sen pensión, 90 a media pensión e 180 euros a pensión completa. O Ázkar volverá a Vilagarcía para disputar algún partido amigable co Grupo Junquera. Os interesados poden anotarse na Fundación Municipal de Deportes, a través do Grupo Junquera, nos teléfonos 982 209 639 e 686 932 293, ou ben no correo electrónico mailto:hplanificación@pronelugoad.com.
Redacción Salnés








