O BNG prepara os actos do día de Galicia

    dv749__bng_100.jpgPONTEVEDRA > O Bloque Nacionalista Galego ven de comezar unha serie de actos de precampaña e chamada á mobilización co gallo do día de Galicia,…

    …que se celebra o vindeiro 25 deste mes. Por unha banda, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana recalou onte a tarde en Pontevedra nun mitín no que estivo acompañado por unha ampla representación do colectivo nacionalista local, co seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores á cabeza. Nesta intervención, o líder do BNG, disertou sobre a importancia deste día para a comunidade galega e sobre a necesidade de loitar polos intereses dos galegos; como reclamar a celeridade na implantación do AVE en Galicia.

    Quintana aproveitou a súa presencia nesta cidade para manifestar a súa opinión sobre a que denominou ocorrencia do PP local sobre o traslado de Ence-Elnosa. O vicepresidente cre que a verdadeira intención dos populares é perpetuar esta factoría en Lourizán. Case ó mesmo tempo, o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, ofrecía outro mitín en Vilagarcía onde falaba dos obxectivos dos actos previos ó día de Galicia.

    Nesta intervención, este representante da Xunta de Galicia estivo acompañado da Deputada nacionalista, Ana Pontón, e do concelleiro de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, quen fixo un chamamento á mobilización da cidadanía nos actos organizados en Santiago de Compostela o día 25. Castro Ratón avogou tamén por proporcionar un goberno nacionalista para Galicia para conseguir así cuantiosos avances para o país, tal e como, segundo el, acontece en Vilagarcía, con actuacións como a futura galescola, locais de ensaio, vivendas sociais ou ampliación do chan industrial.

    Redacción Salnés