A elite do padel galego deuse cita esta pasada fin de semana en Boiro

BOIRO> Foi durante a disputa do Torneo Federado Padel Oro, competición que tivo coma gañadores na categoría masculina a Manuel Prado e Tono González. As instalacións de BoiroPadel, no polígono de Espiñeira, acolleron esta pasada fin de semana, sábado e domingo, o Torneo Federado Padel Oro. A competición reuniu a un total de douscentos participantes, entre os que se atopaban os dezaseis mellores xogadores de toda Galicia en categoría masculina, algún deles incluídos no World Padel Tour. A competición dividiuse, dependendo do seu nivel, en catro categorías masculinas, unha mixta e outra feminina. Durante a xornada do sábado desenvolvéronse as  previas do torneo, deixando para o domingo á mañá ás semifinais e pola tarde as finais. No cadro masculino cumpríronse os pronósticos, e os favoritos a priori para levarse a vitoria no torneo, Manuel Prado e Tono González, impuxéronse nunha disputada final a Chalo González e Nano Alonso. En categoría feminina o trunfo foi para Ana Novo e María Quintela. Xogadora esta última que tamén repetiría vitoria na categoría mixta acompañada de Julio Parada. A nivel comarcal cabe destacar tamén o bo torneo realizado por Marcos García, pertencente ó Club Padel Noia, o mellor xogador local clasificado. Dende a organización destacaron o éxito do torneo, que reuniu a numerosos afeccionados a este deporte, cada vez máis en alza na comarca.