Xa está operativo o enlace de Catoira nos dous sentidos da vía rápida do Barbanza

    enlacecatoira_100_150708.jpgBARBANZA > Como fixera onte co enlace de Rianxo a Consellería de Política Territorial abriu este mediodía ó tráfico o enlace de Catoira-Vilagarcía.

    {flowplayer}barbanza/enlacecatoira.flv{/flowplayer}

    BARBANZA > Operarios da empresa concesionaria das obras de construción da autovía do Barbanza afanábanse esta mañá nos traballos de remate do enlace de Catoira para poder abri-lo ó tráfico este mediodía. Deste xeito e paulatinamente, despois que na xornada do luns quedara operativo o enlace de Rianxo, Política Territorial vén restablecendo a normalidade nesta vía, ó tempo que responde ás voces críticas que non entendían que aínda non estivera operativo este enlace, xa que é empregado por numerosos condutores para desprazarse á provincia de Pontevedra.

    Ata o de agora os usuarios que quixeran facer este desprazamento debían abandona-lo novo trazado en Boiro e continuar pola vella estrada AC-305 ou continuar ata Padrón, o que supuña un novo atranco e unha perda considerable de tempo debido ó alto número de vehículos que circulan por esta estrada.

    Apertura definitiva

    Coa apertura deste enlace Política Territorial continúa apurando os pasos de cara a apertura definitiva do vial que se producirá se todo marcha segundo o previsto en xaneiro de 2009. O que resulta claro despois da visita da semana pasada da propia conselleira María Xosé Caride ó Barbanza e que esta vía non volverá a pecharse ó tráfico.

    Aínda así nos treitos abertos poderán producirse ocasionalmente cortes puntuais de tráfico para a entrada e saída de camións de obra e se poderán producir alteracións na operatividade dos enlaces derivadas da evolución das obras, polo que a CPTOPT agradece a comprensión da cidadanía e fai un chamamento ós condutores para que extremen a precaución.

    Redacción Barbanza