Luz verde á ampliación dos peiraos de Cabo de Cruz e Escarabote

    BOIRO > O presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, anunciou esta mañá o inicio inminente das obras.

    O presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, visitou na mañá de hoxe os portos de Cabo de Cruz e Escarabote, co fin de comprobar cos seus propios ollos as deficiencias existentes nas instalacións e a necesidade de remodelación das mesmas. Así, tras varios anos de promesas non cumpridas, o actual presidente do ente autonómico logrou, fai un mes, que se aprobara o proxecto de mellora de ambos portos que hoxe en día é xa unha realidade.

    Forte investimento

    No caso do porto de Cabo de Cruz, o presuposto destinado á súa remodelación é de 10 millóns de euros e o tempo estimado de duración das obras, será de 24 meses. A remodelación contará coa ampliación do espazo destinado á frota, ademais da creación dun porto deportivo. O presidente de Portos insistiu na prioridade que se lle dá dende a consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a dar abrigo a toda a flota pesqueira e tamén á bateeira, poñendo fin ás especulacións de moitos veciños de Cabo de Cruz, que dicían que a remodelación do porto tiña como obxectivo único abrir un clube naútico recreativo na zona.

    Reordenación do espazo portuario 

    No caso de Escarabote, Jacinto Parga destacou a importancia do remate do período das concecións das dúas naves abandonadas no porto. Deste xeito, o espazo ocupado polas fábricas será utilizado para amplia-lo peirao, crear un espazo que dea continuidade ao paseo marítimo e construir un porto deportivo. O presidente de Portos insistiu no feito de que ambos proxectos son a día de hoxe unha realidade e que os portos de Escarabote e Cabo de Cruz comezarán dentro de pouco coas obras de mellora das súas instalacións.

    Redacción Barbanza