RIBEIRA> Medio cento de nenos participaron esta fin de semana na regata Gadis organizada polo Club Náutico de Ribeira. A entrega de premios contou coa asistencia do presidente honorífico, Ramiro Carregal, que anunciou a construción dunha nova escola de vela.
As augas da praia de Coroso convertéronse no mellor campo de regatas para medio cento de nenos das clases Optimist Regata, Escola e ILCA 4 que durante esta fin de semana tomaron parte na regata Gadis.
Tras dúas xornadas de navegación, nas que se puido completar o programa deportivo previsto, a regata concluíu cun gran éxito para o Club Náutico de Portosín que se fixo co podio enteiro na categoría Optimist Regata. O ouro foi para Diego Fernández, seguido de Alejandro Ferrín e bronce para Alonso Ons.
Houbo premios tamén para o Grupo Plata co ribeirense Ian Otero en primeiro lugar, seguido de Pablo Rubio de Portosín e Pablo González, tamén de Ribeira.
Na categoría Escola non houbo sorpresas e o Náutico ribeirense acaparou os premios con ouro para Nico Sampedro, prata para Valeria Serrano e bronce para Teo Pego. En ILCA 4, Bruno Iglesias foi o claro vencedor entrando de primeiro en tódalas probas parciais. Compartiu podio con Enzo Ferrón e Daniel Iglesias, todos do Náutico de Ribeira.
A entrega de premios estivo presidido por Ramiro Carregal, presidente de honra do náitico ribeirense, quen felicitou a tódolos participantes e anunciou a construción dunha nova escola de vela.











