Continúa convocada a folga do lixo en Vilagarcía

    folga_lixo_cespa_100.jpgVILAGARCÍA > A folga indefinida dos traballadores da recollida do lixo en Vilagarcía segue planificada para comezar o vindeiro 11 de agosto, a non ser que se chegue a …

    … un acordo antes desa data. Os empregados deste servizo público que no concello realiza a empresa Cespa, están dispostos a seguir negociando coa concesionaria, malia o fracaso da reunión que mantiveron onte. Foi unha xuntanza longa que durou case cinco horas, pero na que ámbalas dúas partes non conseguiron unificar criterios sobre o seu convenio colectivo.

    Se ben a empresa concesionaria propón que este dure 4 anos, os traballadores piden que a vixencia do texto se reduza ós dous anos, dado o continuo aumento do custe da vida. Tamén reclaman que os seus soldos acaden de aquí a dous anos a cantidade base de 1.000 euros mensuais, equiparándose así co que reciben traballadores de Cespa en cidades coma Pontevedra, onde cobran polo mesmo traballo 104 máis de diferencia. Pero ademais destas medidas económicas, dende o comité de empresa tamén reclaman un incremento do persoal e da maquinaria coa que desenvolven o seu traballo.

    Á fronte que ten aberta a empresa cos traballadores de Vilagarcía, tamén hai que engadirlle o do Concello de Poio, cuxos empregados tamén piden equiparar condicións cos de Pontevedra. Nesta mesma cidade, Cespa xa deu por rematado onte o conflito coa sinatura dun preacordo sobre o seu convenio laboral, polo que xa se desconvocou a folga. O paro do persoal de Cespa si lle afectou porén a outras vilas pontevedresas coma Nigrán, onde despois de case dúas semanas de folga, en pleno mes de xullo, se acumularon máis de 400 toneladas de desperdicios.

    Redacción Salnés