Prisión permanente revisable para o autor do triplo crime de Valga

VALGA> Prisión permanente revisable para o autor do triplo crime de Valga. A Audiencia Provincial de Pontevedra anunciou esta tarde a condena a José Luis Abet, que asasinou a tiros á sua exmuller e á nai e á irmá desta en setembro de 2019. Na súa decisión, o tribunal tivo en contra a agravante de xénero nos tres asasinatos e o atenuante de colaboración.

O autor do triplo crime de Valga, condenado a prisión permanente revisable. Así o decidiu a Audiencia Provincial de Pontevedra dez días despois de que o xurado o declarara culpable dos feitos.

En setembro de 2019 José Luis Abet asasinou a tiros á súa exmuller e á nai e á irmá desta. Tralo xuízo, os membros do xurado consideraron probado que as vítimas non tiveron ningunha posibilidade de fuxir nin de defenderse.

En concreto, a Audiencia Provincial impón a Abet unha pena de 24 anos e medio de prisión polo asasinato da sua exparella; 23 anos e medio polo da súa exsogra, e prisión permanente revisable polo asasinato da súa excuñada. Esta pena chégalle por ser previamente condenado polos outros dous asasinatos, como establece o Código Penal.

A Audiencia tivo en conta nos tres delitos a agravante de cometelos por discriminación por razón de xénero e a atenuante de colaboración. Ademais, como autor de dous delitos de lesións psíquicas sobre os seus fillos, que foron testemuñas dos asasinatos, o tribunal condenou a Abet a nove anos de prisión e a dous como autor dun delito de tenza ilícita de armas. Tamén lle impuxo a prohibición de residir no termo municipal de Valga durante 32 anos e a privación da patria potestade sobre os seus fillos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí