Durán confía en que o sendeiro do Terrón poida iniciarse en breve

    sendeiro_terrn_100.jpgVILANOVA > O Concello de Vilanova está pendente da valoración que reciba da Agader, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, sobre o seu proxecto para …

    … construír un sendeiro natural pola marxe costeira do Terrón ata a zona do Esteiro. Unha ruta que servirá para conectar o casco urbano da vila con este enclave natural máis en desuso nos últimos anos.

    O sendeiro, de algo máis de 1.200 metros de lonxitude, transcorrería entre a ponte de Vilanova coa pasarela creada hai xa máis dun ano, e pola que transitan un importante número de visitantes e veciños, a petición dos cales o executivo local decidiu desenvolve-la iniciativa.

    Para a construción do sendeiro o Concello calcula que serían precisos uns 200.000 euros, polo que xa lle solicitou unha axuda á Xunta para levalo a cabo a través da Agader, de cuxo visto bo depende agora que se inicie a actuación. Unha das primeiras actuacións que serán necesarias para a creación do sendeiro é a da limpeza e acondicionamento desta marxe do Terrón, na que o concello tamén vai comezar despois do verán os traballos de recuperación da masa arbórea, a través dos responsables do curso de xardinería da vila.

    A ruta ideada polo Concello está enmarcada dentro dun proxecto máis amplo, ó da posta en valor da zona do Terrón. Unha actuación para a que xa puxeron en marcha outras iniciativas coma a da creación do complexo lúdico deportivo, a do campo de fútbol ou a pasarela que comunica o enclave co casco urbano.

    Redacción Salnés