Preocupación máxima en Vilanova polo estado de saúde dos dous feridos graves no múltiple atropelo nas festas de San Miguel de Deiro

VILANOVA> Drama nas festas de San Miguel de Deiro de Vilanova. Un vehículo irrompeu na festa levando por diante a 18 persoas. Dúas delas están graves, preocupa especialmente un menor que tivo que ser trasladado ao policlínico de Santiago.

As festas de San Miguel de Deiro viviron este domingo unha traxedia que dificilmente será esquecida polos presentes na celebración. Un vehículo irrompeu no campo da festa levando por diante a 18 persoas e impactando contra un dos piares da carpa. Entre os ferido atópase un menor en estado grave.

Segundo as testemuñas, o vehículo estaba aparcado preto do campo da festa, concretamente diante desta casa. No seu interior atopábanse Luis Falconetti, coñecido veciño de Vilanova, e a súa muller, de 82 anos. Ela foi a que conducía o coche que sen ningún tipo de control percorreu uns 20 metros ata chocar co poste.

Toda a vila e arredores está consternada co acontecido. Dende a comisión de festas e dende o concello mostran a súa dor e o seu desexo de que os feridos se recuperen.

A muller deu negativo nos nas probas de alcohol e drogas. As forzas de seguridade intentan esclarecer agora as causas do accidente e se se tomaron as precaucións axeitadas na zona. Dende o concello indican que a rúa estaba valada tanto por arriba como por abaixo para que non pasaran os vehículos.

As forzas de seguridade que investigan o acontecido serán as que esclarecerán o suceso. Á condutora, de momento, atribúeselle un delito de lesións imprudentes e outro de danos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí