CAMBADOS> A praza de Fefiñáns en Cambados será definitivamente peonil. Despois de varios peches ao tráfico rodado por tempadas, o concello tomou a decisión e non volverá a reabrila ao paso dos coches. Segundo o edil responsable de tráfico, a peonalización demostrou ser un éxito entre os veciños, e é a mellor medida para protexer o casco histórico e potenciar os negocios da contorna.
Esta imaxe non se repetirá na praza de Fefiñáns. Tras varias probas e meses de incógnita, tanto a praza como as rúas da contorna serán peonís.
O edil responsable de tráfico asegura que a decisión de peonalizar a praza tómase despois de varios ensaios.
A pesares das reticencias iniciais dos hostaleiros e comerciantes da zona, José Ramón Abal asegura que a medida gusta á maioría dos veciños de Cambados. Tamén cre que conta co apoio de todos os partidos políticos.
Só estará permitido o paso dos vehículos de carga e descarga de mercadorías e persoas e dos residentes. E é que, a pesares do rexeitamento inicial do propio José Ramón Abal, agora ve a peonalización como o mellor xeito para conservar o patrimonio e dinamizar os negocios.
Abal Varela tamén anunciou que a vindeira semana comezarán os traballos para retirar os pivotes que separan o carril de circulación e as beirarrúas da rúa Real.