O Poio FS arranca a temporada cun proxecto ambicioso

SALNÉS> Vai arrancar a temporada o Poio Futbol Sala, un club que durante este verán sufríu grandes transformacións, entre elas o cambio de nome, xa que antes era coñecido como o Ateneo Combarro. Os obxectivos son ambiciosos coa sección femenina e tamén coa masculina, que este ano se estrea.

A directiva do Ateneo Combarro, agora coñecido como Poio Futbol Sala, marcouse obxectivos ambiciosos de cara a esta temporada 2010/11. Especialmente co equipo referencia do club, o senior femenino que actúa na División de Prata Nacional. Será a terceira temporada consecutiva nesta categoría e de novo as miras estarán postas no ascenso á División de Honra, algo que se lles escapou o ano pasado na derradeira xornada ligueira, cando quedáronse ás portas de disputar o playoff.

O equipo comezará a competición o 16 de outubro, cando reciban na Seca ó Chiloeches de Guadalajara. A preparación de cara a ese debut ligueiro comezará a semana que ven, cando se incorpore ós adestramentos a totalidade do plantel. Mentres tanto xa traballan as xogadoras galegas do conxunto poiés Carmela, Nerea, Ana, Peke, Charo, Kiko e Nuria, incluídas os dous últimos reforzos, Mar e Claudia e a brasileira Eliane. Ó longo destes días irán chegando a Poio a porteira andaluza Esther Arcos, as madrileñas Isa Ruíz e Marisa Fernández e a internacional portuguesa Sonia Coelho. O Poio Futbol Sala volverá a estar dirixido por Gonzalo Iglesias ‘Morenín’.

Ademais, o club contará este ano cun equipo senior masculino, adestrado por César Sanmmamed e que actuará na Autonómica Sur. O plantel está conformado por 17 xogadores que xa iniciaron a pretemporada de cara ó debut ligueiro do 18 de setembro, día no que recibirán ó Opel Fimauto de Porriño. Salto importante o dado polo Poio Futbol sala para este ano no que mpverá ó redor dunhas cen fichas federativas, contando con varios equipos de base tanto en categoría masculina como femenina.

Redacción Salnés