Comeza unha temporada chea de cambios e novidades

balonman250_110908.jpgSALNÉS > O balonmán, na Primeira División Autonómica, comeza esta fin de semana. Cambiou o formato de competición, agora haberá dous grupos, nun deles estará o Rasoeiro, no A, e no B, o Agnusdei Albariño, antigo Asmubal. Moitos cambios tamén nos dous conxuntos con respecto á temporada pasada.

Arranca este sábado a competición no que a balomán se refire, cos dous equipos do Salnés en pleno proceso de cambio. O máis destacado o do Asmubal, agora Albariño Agnusdei. Reestructuración case total do conxunto meañés que vai intentar estar cos de arriba para tratar de dar a machada e subir de categoría.

O seu primeiro rival será de nivel, o Magope Seis do Nadal, equipo dos fortes e boa pedra de toque para o seu debut, que será o sábado ás 20:00 no pavillón de Coirón.

O conxunto presidido por Pedro Pérez del Campo agarda a chegada da súa fichaxe estrela para esta temporada, Igor Todorovski, xogador macedonio de 31 anos de idade, lateral esquerdo e internacional co seu país. Un reforzo que se antolla clave para darlle ese salto de calidade ó equipo; Todorovski chegará a mediados de outubro, xa que aínda hai que solucionar uns pequenos problemas co transfer.

Incorporarase coa competición xa en marcha, algo que este ano non ten a priori tanta importancia como en pasadas campañas, porque a liga divídese en dous grupos de oito equipos que se xogarán despois os ascensos e descensos. Os catro primeiros de cada grupo xogarán pola promoción e os catro últimos por non baixar.

Cos de arriba intentará estar tamén o Rasoeiro, despois da boa campaña do pasado ano. Houbo troco no banquiño, Jaime García tomou as rendas dun conxunto sénior no que tamén hai novifdades. Sapi, Manu e Alexo causan baixa; dous dos pilares do equipo, Solla e Juanjo, mantéñense despois de estar a piques de deixar a disciplina do club meco. Incorporouse Chechu e volve dous anos despois o pivote Dani Abalo.

A estrea do Rasoeiro será o sábado diante da súa afección, en Monte da Vila, ás 18:00 ante o Viña Costeira Ribadavia.

Redacción Salnés