Hondarribia faise coa bandeira de traíñas Concello de Boiro

BOIRO> Hondarribia fíxose onte domingo en Cabo da Cruz coa vixésimo quinta Bandeira de Traíñas Concello de Boiro. A vitoria, a sétima que consigue na presente tempada, afianza a embarcación guipuscoana na primeira praza da clasificación xeral da Liga ACT San Miguel. Por detrás dela en Boiro quedaron Urdaibai e Orio. Cabo da Cruz rematou nun máis que meritorio sexto posto. Volveron a cumprirse os pronósticos. As tres embarcacións máis fortes da actual tempada: Hondarribia, Urdaibai e Orio coparon por esta orde os tres primeiros postos da clasificación na vixésimo quinta Bandeira de Traíñas Concello de Boiro. As tres, con San Juan, sairon na derradeira das tandas. Dende un primeiro momento a embarcación guipuscoana patroneada por Ioseba Amunarriz impuxo un ritmo forte, distanciando pouco a pouco ós seus inmediatos rivais. Fíxose coa súa tanda marcando ademais o mellor tempo 19:42:01. Por detrás dela na clasificación quedaron Urdaibai a trece segundos e Orio a dezaoito. A traíña local, Cabo de Cruz, que competiu na primeira tanda, rematou nun meritorio sexto posto, véndose superada tamén por Kaiku e San Juan na clasificación final. Coa de Boiro Hondarribia suma xa sete bandeiras na presente tempada, o que a sitúan na primeira praza da clasificación xeral con 124 puntos, abantaxando a Urdaibai, que é segunda en trece puntos, e a Orio, que é terceira, en 24. A mellor embarcación galega é Tirán, na sexta praza con 78 puntos, seguida de Cabo da Cruz, que é sétima con 75. A próxima cita da Liga ACT San Miguel será a próxima fin de semana coa dobre cita en Zarautz.