O Salnés xa vendima unha uva de moita calidade

VILAGARCÍA> 120 vendimadores traballan na vendima de Mar de Frades. A adega comezou esta semana coa recollida da uva para elaborar os seus viños tranquilos, e poñendo fin a unha campaña que describen como complicada por mor do tempo. Iso si, están satisfeitos co balance final; aínda que houbo unha pequena merma na cantidade, a uva que está a entrar na adega é de moi boa calidade.

Os vendimadores xa traballan arreo nas quince hectáreas que a adega Mar de Frades ten na comarca do Salnés. Despois de recoller na zona do Ulla as uvas para elaborar o seu escumoso, esta semana comezaron os labores de vendima para os viños tranquilos.

A maduración foi máis lenta esta campaña. O frío e as chuvias do mes de xuño retrasaron o ciclo ata estas últimas semanas. As altas temperaturas apuraron a maduración, deixando uns valores óptimos para a recollida da uva e para que a vendima se poida facer tranquilamente.

Trala recollida nas parcelas, a uva trasládase á adega. Alí son os encargados da última selección e clasificación, en función do viño que se vai elaborar.

Esta non foi unha campaña sinxela. Estivo marcada polas dificultades climáticas, que remataron por provocar unha pequena merma na cantidade. Iso si, a uva estase a recoller cunha calidade que cumpre, sobradamente, os estándares da Denominación de Orixe Rías Baixas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí