Bateeiros da Arousa intentan impedir as descargas de mexillón

    mexilloeiros100_160908.jpgVILANOVA > Esta mañá e esta tarde vivíronse tensos momentos no porto de Vilanova.Centos de persoas intentaron pola forza impedir a descarga de cinco barcos cargados de mexillón para a súa manufactura.

    {flowplayer}images/salnes/mexilloeiros.flv{/flowplayer}

    VILANOVA > Esta mañá e esta tarde vivíronse tensos momentos no porto de Vilanova.Centos de persoas intentaron pola forza impedir a descarga de cinco barcos cargados de mexillón para a súa manufactura. Esta foi a reacción de varios mexilloeiros da Arousa á decisión unilateral do sector minoritario de intentar volver a abastecer ós mercados, logo de sete semanas de inactividade; e trala reanudación dos pedidos por parte dos cocedeiros. Os manifestantes guindaron pedras e parafusos, queimaron un camión dun vello guindastre e chegaron a colocar explosivos nun colector do lixo. Finalmente, os camións ca mercancía foron capaces de saír do peirao no medio dun forte dispositivo policial, e trala mediación dos axentes antidisturbios, que tiveron que desaloxar ós manifestantes á forza. Moitos dos bateeiros cualificaron esta actuación policial de desproporcionada.

    O resultado do enfrontamento da mañá foi dun garda civil ferido, un mexilloeiro detido e varios deles identificados. Malia o intenso dos momentos vividos, moitos dos manifestantes defenden estas medidas para chegar a unha solución o conflicto.

    A patroa maior desta confraría, Evangelina Lago, autorizou ós guindastres públicos traballar nesta descarga pero con persoal alleo á confraría; o que lle valeu a crítica dos seguidores dos piquetes.

    Esta tarde a situación foi similar no peirao de Vilanova. Centos de mexilloeiros volveron a intentar evitar, sen éxito, que saísen do porto novos camións cargados de mexillón cara ás fábricas ou cocedeiros. De novo, volveron a queimarse contedores e a estourar petardos. Os axentes da orde volveron a intervir incautándose de varios petardos e cócteles molotov.

    A situación tornou aínda máis tensa se cabe, ante o rumor estendido de que había varias persoas esperando agochadas nas beiravías o paso dos camións para boicotealos. Razón pola cal, os transportes tiveron que ser custodiados por unidades da garda civil e da policía nacional.

    A plataforma minoritaria aínda non desvelou se mañá ten previsto ou non realizar novas descargas neste peirao.

    Reaccións do sector

    O voceiro de Pladimega, Julián García, censurou estes disturbios cos que non se chega á solución o conflicto e tamén á intervención esaxerada dos axentes antidisturbios. Segundo este voceiro neste día o 80 % das bateas permaneceron inactivas, tanto para o fresco como para fábrica; só un pequeno sector reanudou a actividade.

    García volveu a lembrar as causas da orixe deste conflicto: a loita de prezos provocada polas importacións masivas de mexillón chileno; problema común ante o que chamou á unidade do sector.

    Pola súa banda, a Consellería de Pesca ven de convocar unha reunión urxente mañá pola mañá no edificio Administrativo de San Caetano con representantes de Pladimega, Arousa Norte e Asociación Virxe do Rosario para intentar buscar unha solución a actual crise. De chegar a producirse, esta sería a quinta das reunións que convoca a Consellería entre estes representantes sen conseguir ata o de agora, resultados satisfactorios.

    A titular deste departamento autonómico uniuse á condena dos incidentes producidos esta fin de semana, polo estourido de cadanseu artefacto en tres casetas do sector minoritario; e criticou tamén os incidentes acontecidos esta mañá na Arousa.

    Redacción Salnés