Vivenda amplía as axudas á rehabilitación e creará unha oficina no Salnés

    vivenda_vilagarca_100.jpgVILAGARCÍA > A Consellería de Vivenda vai conceder en Carril e Vilaxoán 30 novas actuacións para a recuperación de casas situadas dentro das Áreas de …

    … Rehabilitación Integral de ámbalas dúas parroquias. Agora este plan estase executando en 90 vivendas, cun investimento de 526.500 euros, ós que hai que engadir agora 375.000 máis para estas novas actuacións. As subvencións por cada propietario poden ser de ata 11.000 euros, e de ser vivendas catalogadas, 30.000. Unha axuda que irá destinada á rehabilitación interior e exterior dos inmobles co obxectivo de garantir as súas condicións hixiénicas, estruturais e de habitabilidade, recuperando deste xeito o patrimonio construído.

    Oficina Comarcal de Vivenda para o Salnés

    Tamén en Vilagarcía, a Consellería vai crear no prazo de 4 meses, unha Oficina Comarcal de Vivenda para o Salnés que se encargará de facilitarlle ós veciños a tramitación das diferentes liñas de axuda que concede o departamento autonómico para a rehabilitación, aluguer e compravenda de vivendas.

    Vivenda estuda crear unha ARI no casco histórico de Vilagarcía

    Vilagarcía conta agora con dúas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) en Carril e Vilaxoán, pero o obxectivo do Concello é ampliar este número en tres coas vivendas do casco histórico da cidade. Un proxecto que estuda agora a Consellería. A ARI que propón o Concello en Vilagarcía inclúe un total de 852 vivendas na zona do Castro e do ensanche do século XIX.

    Redacción Salnés