A campaña da vendima comezará a mediados desta semana

    comezo_vendima_100.jpgO SALNÉS > A chegada dun anticiclón para a metade desta semana vai posibilitar que a vendima da Denominación de Orixe Rías Baixas poida comezar de forma

    … homoxénea no Salnés dentro duns tres días. Nalgúns lugares e adegas coma Condes de Albarei a recolecta xa comezou o pasado venres, pero na maioría tiveron que gardar os utensilios de traballo uns días máis. A campaña da vendima chega deste xeito unha semana máis tarde do habitual, pero dentro das datas consideradas como normais para esta denominación.

    Os adegueiros e viticultores móstranse optimistas ante os resultados que esperan acadan con esta anada. Os informes de produción falan dunha colleita óptima en calidade, a pesares das chuvias continuas do verán que ameazan con estragar algunhas producións. O viñedo está en bo estado e, segundo os datos que manexan os estudos técnicos, a actual vendima incrementará nun 10 por cento o seu rendemento con respecto á do pasado ano, cando a produción superou os 5.300 quilos.

    Pero ademais da cantidade de uva recollida, o Consello Regulador tamén ultiman nestes días previos ó comezo da campaña, os controis de calidade e sanitarios que se disporán para garantir o bo estado dos caldos finais. Tanto o proceso da vendima, coma o transporte das uvas e a súa entrada ás adegas, vai estar controlado por técnicos da Consellería de Medio Rural. Pero, ademais, nestes días tamén van colaborar os corpos e forzas de seguridade do Estado e da Policía Autonómica. Eles encargaranse da inspección do transporte das uvas e do mosto, así coma de vixiar as estradas polas que se vai producir un importante aumento da intensidade do tráfico que se producirá nestes días no Salnés.

    As terminais informativas, nas que se informará da cantidade de uva que entrará en cada unha das adegas, son outro dos elementos cos que vai contar o Consello Regulador para controlar a produción das case 3.700 hectáreas de superficie de cultivo da Denominación de Orixe Rías Baixas.

    Redacción Salnés