O BNG recorre o contrato modificado de recollida de lixo e limpeza

    bng_sanxenxo100_240908.jpgSANXENXO > Os nacionalistas presentaron un recurso contra o contrato modificado da recollida de lixo e limpeza viaria, aprobado no pleno do pasado 26 de agosto…

    … O BNG entende que se incumpre a lei de Contratos do Sector Público e que a ampliación do contrato favorece a unha determinada empresa.

    O BNG de Sanxenxo presentou hoxe un Recurso de Reposición contra o acordo Plenario do 26 de agosto polo que se modifica o contrato da recollida de lixo e limpeza viaria. Os nacionalistas consideran que as irregularidades que se cometeron no procedemento para a modificación do contrato constitúen nulidade de pleno dereito conforme á Lei de Contratos do Sector Público.

    Segundo se manifesta no recurso, a ampliación do contrato obedece a un autoritarismo voluntario para premiar a unha determinada empresa á marxe da transparencia e do acceso público á información que debe rexer a actividade contractual do sector público. Engade o BNG que para amparar tal ilegalidade, fánselle buscar aos Servizos Municipais vías estrañas que só se poden explicar desde esta óptica.

    O escrito tamén reflicte que “O informe dos Servizos Municipais dan o mesmo tratamento á adxudicación directa do servizo de mantemento e limpeza de papeleiras, que viña prestando outra empresa ata ó seu vencemento, cun incremento no custo dun 63%, sen xustificación algunha, evitando a libre concorrencia. Os nacionalistas tamén advirten que non se remitiu esta modificación ó Consello de Contas de Galicia, como tampouco se fixo cos expedientes anteriores.

    Redacción Salnés