Política Territorial mellorará o nó de Curro

    no_curro100_081008.jpgMEIS > Política Territorial modificará o proxecto do Nó de Curro para reducir a súa afección e garantir a continuidade das vías locais.

    A Consellería de Política Territorial desprazará o trazado dunha das vías de servizo previstas no macro enlace que se construirá en Curro. Deste xeito reducirase a afección do novo nó sobre o monte comunal de San Lourenzo que actualmente está sendo aproveitado como canteira, no termo municipal de Meis.

    Pese a todo, a que non se vai librar será a empresa Granitos Triturados, na que traballan 20 operarios. A obra afectará á machacadora, afectando ó seu proceso produtivo. Disto informou onte a delegada provincial Isabel Domínguez ó alcalde de Meis e a representantes veciñais e empresariais. Na xuntanza barallouse o traslado da machacadora ó futuro polígono Barro – Meis.

    A delegada adiantoulles tamén que se construirá un paso inferior a maiores dos inicialmente previstos para garantir a continuidade do sistema viario local. Domínguez lembrou que a Xunta investirá preto de 50 millóns de euros nesta infraestrutura, que reordenará o tráfico e conectará as autovías do Salnés e de Vilagarcía, a AP-9 e a estrada Curro – Pontevedra.

    Política Territorial destinará para expropiacións 12 millóns de euros e xa convocou para o vindeiro mes ós propietarios afectados. Destes, máis do 80 por cento están en Meis.

    Redacción Salnés