O PP urxe medidas contra os accidentes de tráfico tras un novo atropelo na cidade

    VILAGARCÍA > Novo atropelo en Vilagarcía, e xa van 35. Nesta ocasión o peón que resultou ferido é o sindicalista da CIG, Xoán Xosé Bouzas, Tupi, que se atopa hospitalizado en Montecelo.

    {flowplayer}images/salnes/trafico.flv{/flowplayer}

    VILAGARCÍA > O sindicalista Xoan Xosé Bouzas continúa hospitalizado en Montecelo tras ser atropelado onte na rúa Valle Inclán de Vilagarcía de Arousa. Con este xa son 35 os sinistros deste tipo rexistrados no que vai de ano neste concello. O accidente produciuse cando Bouzas ía cruzar por un paso de cebra mal pintado, enfronte de Capitanía Marítima, cando foi arrollado por un vehículo. O condutor carecía de seguro e ademais superou a taxa de alcoholemia.

    Este atropelo volve a por en evidencia a necesidade urxente de adoptar medidas de seguridade viaria en zonas do casco urbano. O PP de Vilagarcía falou hoxe deste asunto. Considera que os datos son preocupantes e pregúntase canto tempo máis haberá que esperar para ver esas medidas.

    Tomás Fole advirte de que esta situación non é nova en Vilagarcía, que nas hemerotecas xa desde 2001 se poden recoller titulares sobre os problemas de tráfico da cidade. Lembra que hai dous anos o PP pediu un Plan de Tráfico e critica ó goberno local por anunciar medidas despois de accidentes e logo non cumprilas.

    Fole lembra que no último pleno se acordou tras debater unha moción de IVIL, unha serie de reunións de traballo para falar de tráfico. O PP esixe que se faga de inmediato e pide que se inclúe nas xuntanzas á Policía Local. Este grupo pregúntase que papel está a desenvolver ese corpo en materia de seguridade viaria. Fole cre que o goberno local ofrece moitas medidas pero pouca vontade para executalas.

    Redacción Salnés