O BNG considera ‘imposto revolucionario’ a nova taxa da piscina

    ramonmourino100_111108.jpgRIBADUMIA > O edil nacionalista Ramón Mouriño, cualifica de imposto revolucionario, a taxa que pretende cobrar o Concello polo uso da piscina de Cabanelas.

    O BNG de Ribadumia presentará alegacións contra a taxa polo uso da piscina municipal. No último pleno, celebrado a pasada semana, o PP e Independentes por Ribadumia aprobaron esta taxa, que establece un euro para os residentes no municipio, e para os de fóra, 3 euros ós adultos e euro e medio os menores de 9 anos. Isto a entrada por día, no caso de facer abono, o custe mensual sería de 50 e 30 euros respectivamente.

    O BNG votou en contra desta medida xa que considera que se aproba para disuadir de usar a piscina ós que veñen doutros concellos. Ramón Mouriño advertiulles que os veciños de Ribadumia viven nunha comarca na que se acode ó parque, ó teatro ou á piscina climatizada doutros concellos sen pagar máis.

    No pleno do pasado xoves tamén se aprobaron taxas polo uso dos campos de fútbol e dos pavillóns. O goberno pretende cobrar 20 euros por hora a quen queira usar os campos de fútbol, quedando excluídos os clubs Ribadumia e Umia. Mentres que para os pavillóns a taxa será de 5 euros por hora para deportes de menos de 4 participantes e 10 euros para grupos maiores. Se o 40 por cento dos participantes son de Ribadumia, quedarían exentos de pagar. O BNG votou en contra ó negarse o goberno local a eliminar esta taxa a asociacións e clubs afeccionados do concello.

    Redacción Salnés