A sexta Romaría da Música de Ribadumia, cun ollo posto no ceo

RIBADUMIA> Música e gastronomía irán da man este vindeiro domingo en Ribadumia. A carballeira da localidade acollerá a sexta edición da Romaría da Música, que organiza a banda municipal co apoio do concello. Catro agrupacións daranse cita nun encontro no que non faltarán os callos, o polbo ou a empanada. Só resta que o tempo acompañe.

Nun escenario tan senlleiro como a carballeira de Ribadumia vaise celebrar este vindeiro domingo a sexta Romaría da Música. Unha cita na que, desta volta, participarán catro bandas chegadas dende diferentes puntos do Salnés. Haberá tamén fin de festa cun DJ.

A outra pata indispensable desta Romaría da Música é a gastronomía. No menú ata catro propostas, a prezos populares.

Ademais, para a rapazada, haberá inchables de balde e xogos populares. A Romaría da Música está organizada pola Banda de Música Municipal de Ribadumia e conta co apoio do concello.

Agora só queda que o tempo acompañe porque as previsión fan que a organización teña un ollo posto no ceo ata última hora. En caso de mal tempo, a romaría terase que adiar.