Touriño asegura que Galicia é a comunidade con máis medios para loitar contra a contaminación mariña

    aniversario_prestige100.jpgVILAGARCÍA > Baixo o título “Galicia, mellor preparada” conmemorouse esta mañá o sexto aniversario do afundimento do Prestige.

    {flowplayer}images/salnes/prestige.flv{/flowplayer} 

    VILAGARCÍA > Baixo o título “Galicia, mellor preparada” conmemorouse esta mañá o sexto aniversario do afundimento do Prestige. Presidindo o acto estiveron o xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, e a Conselleira de Pesca Carmen Gallego. Ante un auditorio formado por autoridades e membros do sector pesqueiro, Touriño fixo un repaso dos avances acadados neste tempo en materia de loita contra a contaminación e demandou para a costa galega o buque da Axencia Europea de Seguridade Marítima.

    Mais medios, persoal mellor preparado e maior colaboración entre as diferentes administracións. Esta é, segundo o presidente da Xunta, a situación actual de Galicia en materia de seguridade marítima e protección fronte a posibles catástrofes medioambientais. Cando se cumpren seis anos do afundimento do Prestige, Touriño asegura que Galicia se converteu na comunidade con maior nivel de protección das costas de toda España, grazas, entre outras medidas, ó investimento en recursos para previr e loitar contra a contaminación.

    En canto á dotación de medios nas costas, o presidente da Xunta destacou a instalación de bases loxísticas en zonas coma Ribeira, A Pobra ou Cambados. Touriño amosouse satisfeito co traballo conxunto que están a realizar as administracións galega e estatal, pero admite que aínda queda moito por facer no ámbito internacional. Reclama á Unión Europea que tome a iniciativa para lexislar o tráfico marítimo internacional e agarda que a Axencia Europea de Seguridade Marítima lle conceda á nosa comunidade un dos buques de loita contra a contaminación.

    Por último, Touriño quixo recoñecer a labor das tripulación dos buques e subliñou a importancia de estimular a súa formación de xeito permanente mediante exercicios de adestramento e simulacros.

    Tralas declaracións realizadas polo presidente da Xunta, a reacción do Partido Popular de Galicia non se fixo agardar. Segundo o deputado popular Enrique López Veiga, os únicos medios novos cos que conta a nosa comunidade para facer fronte a unha catástrofe medioambiental son os que se licitaron na anterior lexislatura e acusa ó bipartito de limitarse a portar pancartas.

    Os populares sosteñen que as posibilidades de que Galicia volva a sufrir outro Prestige son moi altas, xa que cada ano circulan polas augas de Fisterra 40.000 barcos mercantes dos que 12.000 transportan mercadorías perigosas. Ademáis, López Veiga sostén que Galicia segue a carecer dun lugar de refuxio para barcos en apuros.

    Redacción Salnés