O BNG denuncia graves deficiencias no Centro de Día de Sanxenxo

    foto_bng_sanxenxo_100.jpgSANXENXO > O Bloque Nacionalista Galego de Sanxenxo denuncia graves irregularidades no funcionamento do Centro de Día Municipal deste Concello.

    Logo de varias denuncias de familiares de usuarios, os nacionalistas acudiron o venres pasado ó propio centro para comprobar sobre o terreo a veracidade das acusacións. Unha vez alí, os nacionalistas constataron como o centro adocecía de grandes carencias no subministro dos alimentos para os usuarios, posto que moitos dos proveedores do centro deixaran de subministrar mercadorías por falla de pagos.

    Esta carencia propiciou que os maiores residentes tiveran que repetir menú durante tres xornadas, cas conseguintes repercusións que iso puidera ter para a súa saúde. Segundo o BNG, a falla de recursos do centro tamén provocou que este último mes a plantilla só percibira a metade do seu soldo o mes pasado. Un persoal, que tamén está expostos a fortes presións por parte da directiva.

     A esto hai que engadir o centro carece de terapeuta ocupacional desde o pasado mes de abril, e que a directora do centro, de baixa maternal, leva un mes sendo sustituída por unha das traballadoras sen preparación específica. Desde o BNG sinalan tamén que aínda non se convocou a comisión de coordinación, supervisión e seguimento do Centro de Día tal e como se reflicte no seu regulamento. Unha cuestión que se debe, segundo eles, a que desde a alcaldía, encargada da xestión do centro, hai algo que agochar.

    Ante esta situación os nacionalistas reclaman un informe da Intervención Xeral do Concello, no que se relacionen as datas e contías dos pagos á empresa que xestiona o centro durante a actual anualidade; que se convoque urxentemente a Comisión de coordinación, supervisión e seguimento do Centro de Día; ó tempo que trasladarán esta denuncia á Delegación Provincial de Vicepresidencia da Xunta para que adopte as medidas oportunas. Ademais para buscar financiamento, o BNG de Sanxenxo apunta que sería convinte que este concello se adherise ó Consorcio Galego de Servicios de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, que podería axudar a sufragar ata o 70 % do custe deste servicio.

    Porén, os nacionalistas defenden que os usuarios do Centro de Día están sendo atendidos correctamente grazas o sobreesforzo dos empregados, que malia a atravesar unha dura situación laboral, están paliando as situación aceptablemente.

     Pola contra, desde o Concello de Sanxenxo xa anunciaron a súa intención de manifestarse mañá en rolda de prensa por esta polémica; ó tempo que achegaron ós medios de comunicación os xustificantes de pago á empresa concesionaria do Centro de Día do que vai de ano por valor de case 437.000 euros.

    Redacción Salnés