SALNÉS > Os catro equipos arousáns de terceira división iniciaron a segunda volta manténdose no medio da táboa de clasificación. A xornada do domingo tivo como protagonistas ó Vilalonga e Céltiga. O derbi disputouse en San Pedro con victoria por 1-2 para os da Illa. Mesmo resultado pero a favor dos locais acadouse na Lomba. O Arosa impúxose ó Narón. Non tivo tanta sorte o Portonovo, que perdeu por 2-1 no campo do Laracha.
O derbi arousán de terceira división saldouse cunha victoria do Céltiga no campo do Vilalonga, por un a 2. Os da Illa resarcíronse da súa derrota ó inicio da tempada, cando no seu primeiro enfrontamento co Vilalonga en terceira perdían por cero dous. Nesta ocasión, o Céltiga foi o mellor no t erreo de xogo e conseguiu unha xusta victoria. O partido estivo condicionado pola expulsión de Miguel ós 38 minutos de xogo por unha dura entrada sobre Chichí. Unha superioridade numérica que aproveitou o Céltiga para adiantarse no marcador cun tanto de Marcos.
Na segunda metade a superioridade visitante foi maior ampliando o marcador cun segundo tanto obra de Jose. A cinco minutos para o final, o Vilalonga recortou distancias co penalti transformado por Laro. Os locais loitaron polo empate pero non deu tempo máis que para unha nova expulsión, a do visitante Beni, por darlle un golpe a Quito diante do árbitro.
Tamén houbo dobre expulsión no encontro do Arosa-Narón. Ambos equipos xogaron con dez xogadores na segunda metade, pero finalmente os tres puntos foron para os locais, que se impuxeron por 2 goles a 1. Nada máis comezar o encontro o Narón estivo a piques de inaugurar o marcador pero no minuto cinco a sorte estivo do lado do Arosa. Ces aproveitou unha cesión errada de Mella e bateu a Simón. No minuto 30 o Narón aproveitou unha das poucas opcións que tivo. Pablo Rei acertou de falta directa e conseguiu o empate.
Reiniciado o encontro, o local Tavi veu a segunda amarela e a pesares da inferioridade numérica o Arosa xogou mellor. Trala entrada de Iago o ataque foi maior e foi unha internada súa a que provocou o penalti e expulsión do visitante Jorge. Pero errouse o penalti e o Arosa tivo que esperar ó tempo de desconto ata que Julián conseguiu o gol da victoria. En Rexional Preferente o Cambados caeu goleado nos últimos minutos na súa viaxe a Verín. Os locais demostraron a súa superioridade na segunda metade marcando os tres tantos da victoria. Mellor sorte tivo o Unión O Grove aínda que segue coa súa racha de empates. O Porriño adiantouse no marcador no minuto tres nun encontro que se puxo costa arriba para os mecos. Na segunda metade o Unión buscou o empate e o Porriño buscaba aumentar a diferencia. Finalmente a sorte estivo do lado dos locais. No minuto 90 o Grove aproveitou unha xogada a balón parado para marcar o definitivo 1 a 1, gracias a unha cabezada de Chicho. O Cambados segue colista mentres que o Unión mantense no posto doce da táboa.
Redacción Salnés