SANXENXO > Catalina González asegura que o centro funciona con normalidade e culpa ós BNG de manipular informacións interesadamente para crear alarma social.
Trala denuncia feita onte polo BNG sobre supostas irregularidades no funcionamento do Centro de Día, a alcaldesa da localidade, Catalina González, convocou ós medios de comunicación para desmentir as acusacións. Segundo a alcaldesa de Sanxenxo, o Centro de Día Municipal está a prestar un servizo exemplar ós seus usuarios, e como proba, resaltou que o centro superou ata o de agora tódalas auditorías externas ás que foi sometido.
En canto á denuncia do BNG sobre carencias na alimentación dos usuarios, Catalina González asegura que é falso que se repetiran menús tres días seguidos, pero que descoñecen a existencia de problemas cos proveedores. O que si quixo deixar claro é que o concello está a cumprir cos pagos á empresa encargada de xestionar o centro, EUCOSS S.L., e a día de hoxe están aboadas as facturas ata o mes de setembro.
Catalina González asegura que o concello xa lle solicitou á empresa que lles aclare as incidencias cos proveedores e a razón pola que o mes pasado os traballadores do centro só percibiron o 50 por cento dos seus soldos. Dende EUCOSS aseguran que se debeu a un cambio na política de pagos nos bancos.
A alcaldesa de Sanxenxo considera que as acusacións feitas polos nacionalistas están infundadas, por iso anunciou que os servizos xurídicos do concello están a estudar a posibilidade de emprender accións legais. Por último, González asegurou que a Comisión de Seguemento do Centro de Día se convocará en canto a directora se reincorpore trala baixa maternal.
Redacción Salnés