Catastro rebaixará nun 70% o IBI ós propietarios de invernadoiros

    ibi100.jpgMEIS > A Dirección Xeral do Catastro de Pontevedra vén de comunicar unha rebaixa do 70 por cento no IBI para os veciños que posúan invernadoiros.

    Durante a xuntanza mantida esta mañá co alcalde da localidade e representantes dos veciños, o xerente do Catastro explicoulles que a recente suba do IBI se debe á aplicación da Lei Reguladora de Facendas Locais do 2004, na que se cataloga ós invernadoiros como obras civís ou edificacións.

    Segundo informou o alcalde de Meis, Xosé Luis Pérez, a Lei do 2004 é de aplicación estatal. Isto significa que nin dende a delegación provincial do Catastro nin dende o Concello teñen competencia para modificar o Imposto de Bens Inmobles. O que si ten permitido a Dirección Xeral é aplicar tódalas rebaixas que contempla a Lei, e así llo comunicou esta mañá ós representantes dos veciños afectados, que pagarán un 70 por cento menos do que se lles notificou o mes pasado.

    No que seguen en desacordo é co apartado da Lei que cataloga ós invernadoiros como construccións. Segundo o alcalde de Meis, é inxusto que se valore do mesmo xeito grandes naves industriais que pequenas infraestructuras como as que teñen os veciños do municipio. Xosé Luis Pérez asegura que dende o concello porán tódolos medios para intentar que se modifique este aspecto da Lei.

    Polo de agora, os servizos xurídicos municipais xa están estudando a posibilidade de redactar algunha ordenanza a nivel local para poder reducir este imposto. Pola súa banda, os grupos municipais do BNG e do PSOE anunciaron xa que presentarán unha moción no pleno extraordinario do vindeiro martes. As dúas formacións coinciden en denunciar que dende o concello non se informou correctamente ós veciños sobre a aplicación desta nova Lei e solicitarán que se valoren de novo os inmobles aplicando tódalas bonificacións posibles.

    Redacción Salnés